Artículos

 "A ÚNICA OPCIÓN PARA IU É DEFENDER UN PROGRAMA DE TRANSFORMACIÓN SOCIAL"

xaquin.jpgXaquín García Sinde, vinculado desde hai máis de vinte anos á Corrente Marxista EL MILITANTE, é un traballador e sindicalista de CCOO nos estaleiros ferroláns, onde foi membro do Comité de Empresa. Representou ó Sector Crítico en diversos órganos de dirección do sindicato, entre eles a Comisión Executiva de CCOO de Galicia. Nestas eleccións, é o nº 3 de IU na Coruña.

"A ÚNICA OPCIÓN PARA IU É DEFENDER UN PROGRAMA DE TRANSFORMACIÓN SOCIAL"

Xaquín García Sinde, vinculado desde hai máis de vinte anos á Corrente Marxista EL MILITANTE, é un traballador e sindicalista de CCOO nos estaleiros ferroláns, onde foi membro do Comité de Empresa. Representou ó Sector Crítico en diversos órganos de dirección do sindicato, entre eles a Comisión Executiva de CCOO de Galicia. Nestas eleccións, é o nº 3 de IU na Coruña.

P: ¿Por que te presentas ás eleccións? xaquin_grande.jpg

R: Porque creo que a alternativa que a socialdemocracia nos ofrece ós traballadores non serve. Zapatero tomou algunhas medidas progresistas que, por suposto, a min parécenme ben, como a retirada das tropas de Iraq ou a lei de matrimonio homosexual, pero unha política de esquerdas é outra cousa, é unha política que redistribúe a riqueza, e iso non está pasando; ó contrario, a situación social da clase obreira seguiu empeorando estes últimos catro anos, como demostra o dato de que o peso dos salarios na renda nacional baixou do 48'1% no 2003 ó 46'4% no 2006, continuando a tendencia descendente iniciada co PP. Zapatero limítase ó que é posible dentro do capitalismo, e actualmente o posible é moi pouco, e aínda será menos cando a situación da economía capitalista empeore. Polo tanto, creo que existe un espazo político á esquerda do PSOE, pero só poderémolo aproveitar se defendemos consecuentemente unha alternativa socialista. A única opción para IU é defender un programa anticapitalista de transformación social. Para xestionar o sistema, xa están os socialdemócratas.

P: Pero a principal preocupación dos traballadores é evitar a volta do PP...

R: Non é de estrañar que, vendo ó PP, moita xente pense que se gañase o 9 de marzo viría con ánimos moi revanchistas. Sería un erro subestimar o perigo da dereita, que sempre é o principal inimigo a bater, pero o que hai que preguntarse é como podemos realmente derrotala.

Está máis que demostrado que a dereita non gaña se o electorado de esquerdas está mobilizado. Pero non se mobiliza a ese electorado facendo unha política económica esencialmente igual ca do PP, nin entregándolle Navarra, nin facéndolle concesións ós bispos, nin aparcando a despenalización total do aborto, nin competindo co PP por ver quen ilegaliza máis á esquerda abertzale. Non se trata de competir co PP polo "centro", senón de demostrar que a esquerda ten unha alternativa para que todo o mundo poida levar unha vida digna. Se a esquerda se desnaturaliza, provoca apatía e abstención. Este é precisamente o peor erro dos socialdemócratas: a súa política de reformismo sen reformas ábrelle o camiño ó PP. Por iso, a mellor maneira de evitar que un goberno do PSOE xire á dereita é que exista unha forza de esquerdas capaz de mobilizar ós traballadores para lle demandar que cumpra as súas promesas.

P: En relación a IU e o PCE, ¿cres que existe a posibilidade de avanzar non só electoralmente, senón tamén organizativamente?

R: Por suposto. Na medida que asume o marco capitalista, a socialdemocracia é incapaz de mellorar as condicións dos traballadores. Vímolo cos 13 anos de gobernos de Felipe González e volverémolo a ver con Zapatero nesta nova conxuntura económica aberta o pasado agosto coa crise hipotecaria en EEUU.

Tódolos problemas que se sofren poden solucionarse, pero hai un requisito: expropiar ós capitalistas. A alternativa non é favorecer a iniciativa privada, senón nacionalizar os sectores fundamentais da economía e poñelos baixo control obreiro. O espazo político á esquerda do PSOE só se pode encher diferenciándose claramente da socialdemocracia. Se IU e o PCE ofrecen unha alternativa revolucionaria fronte á decadencia do capitalismo, atraerán ós mozos e traballadores que están buscando un sitio desde onde loitar contra o actual estado de cousas. Se só ofrecen unha xestión "mellor" do sistema, achegarán auga ó muíño socialdemócrata.

P: A partir da túa longa experiencia, ¿que opinas do actual panorama sindical?

R: Pois a verdade é que, se miramos ás cúpulas, é moi penoso. Os dirixentes sindicais viven noutro mundo e non se decatan do que pasa nas empresas. Ou, mellor dito, non se queren decatar porque, incluso sen pisar un tallo nin falar cos traballadores, simplemente analizando as estatísticas (evolución dos salarios e a inflación, prezo da vivenda, precariedade, accidentes laborais...) constátase que as cousas van a peor. Os dirixentes sindicais asumiron unha idea moi perniciosa: que se ás empresas vailles ben, ós traballadores tamén nos irá ben. Isto é totalmente falso e leva a acabar máis preocupado polas empresas que polos traballadores. A realidade é xusto a contraria: as empresas estivéronse forrando todos estes anos a costa da sobreexplotación dos traballadores, a costa de que nos vaia mal. Ademais, no caso particular de CCOO, fixo un dano enorme a política de despolitizar o sindicato -que en realidade non é tal, senón a escusa dos burócratas sindicais para marxinar ós que defendemos un auténtico sindicalismo da clase- aplicada tanto por Fidalgo como por seu predecesor, Antonio Gutiérrez. Tras deixar o cargo, Gutiérrez acabou sendo deputado do PSOE. O que xa non teño tan claro é onde acabará Fidalgo.

Ós feitos remítome. A política "realista" dos actuais dirixentes non serviu para evitar o deterioro das condicións de vida e traballo da clase obreira. Fai falta unha profunda transformación das direccións sindicais. E esa transformación ocorrerá seguro porque a dirección dunha organización non pode permanecer afastada eternamente da súa base social. Os ataques contra os traballadores que provocará o ciclo de descenso económico segarán a herba baixo os pés destes dirixentes. Nas empresas hai hoxe unha nova xeración que demandará un sindicalismo combativo, da clase e democrático. Por iso, o mellor que pode facer quen vexa a necesidade de rexenerar o movemento sindical é organizarse politicamente, para adquirir unha sólida formación, é dicir, unha comprensión de como funciona o capitalismo e como loitar contra el. Neste sentido, as ideas do marxismo son as únicas que poden proporcionar ese imprescindible bagaxe teórico.

P: Vese claramente unha tendencia bastante xeral a recortar os dereitos democráticos. ¿A que cres que responde?

R: A que a burguesía se está preparando para unha situación de moita maior tensión na loita de clases. En realidade, a burguesía é democrática por conveniencia, ou sexa, cando non lle queda máis remedio. Toda a historia contemporánea demostra que, cando os dereitos democráticos dos traballadores ameazan os seus intereses fundamentais, esquece a democracia e defende os seus privilexios coa violencia. De aquí vén a actual tendencia a criminalizar calquera postulado político que a burguesía española non comparta: a revolución venezolana, as loitas sindicais non encorsetadas pola burocracia sindical, o dereito de autodeterminación das nacionalidades oprimidas, as expresións antimonárquicas, etc. O encarceramento de Cándido e Morala é un bo exemplo disto, como tamén, a outro nivel, as campañas de mentiras e difamacións orquestradas polo PP contra a folga dos traballadores da limpeza do Metro, os médicos do hospital de Leganés ou as clínicas abortistas. Pero o auténtico obxectivo de todos estes ataques é dificultar a loita da clase obreira, que é a única ameaza real para o capitalismo.

P: Como marxista, cal é a túa actitude respecto ao parlamento?

R: Votar é moi importante, e eu animo a todos os mozos e traballadores a que o 9 de marzo vaian votar IU, pero tamén teño que dicir que votar non é suficiente porque os problemas da clase obreira non se solucionan nos parlamentos. Por suposto, é mellor que haxa leis que protexan ós traballadores, pero por si soas non abondan. ¿Cantas leis laborais non se violan todos os días en múltiples empresas? Para que os nosos dereitos sexan respectados temos que ter a forza suficiente para obrigar ós empresarios a que nos respecten. E esa forza só a dan a organización e a loita. Ós traballadores nunca ninguén nos regalou nada. Tódolos avances arrincámolos co noso esforzo e a nosa mobilización, esforzo e mobilización que tamén serán as armas para recuperar o terreo perdido e que, ademais, deben servir para preparar a loita máis importante, a que lle dea unha solución definitiva a tódolos problemas que sofre a nosa clase: a loita polo socialismo. Neste proceso, os cargos políticos institucionais son útiles se se utilizan como altavoces das reivindicacións obreiras, pero tendo moi presente que non se poden converter nunha fonte de privilexios que faga que os representantes da esquerda acaden un nivel de vida superior ó dos traballadores. Xa Marx explicou que as condicións de existencia determinan a conciencia. Por iso eu creo que calquera persoa que represente á esquerda nunha institución non debe cobrar un salario superior ao dun traballador cualificado. Para ser un deputado obreiro, hai que ter un soldo obreiro. Se un ten un soldo burgués, acabará pensando como eles.

P: ¿Por que participas en El Militante?

R: Lembro que a primeira vez que comprei este xornal foi na manifestación do 1º de Maio de 1984 en Ferrol. E lémbroo tan ben porque impresionoume un artigo que analizaba as causas da crise económica. Alí explicábase o que eu sempre quixera entender e que ata ese momento ninguén soubera explicarme. E esa creo que é precisamente a mellor axuda que me presta EL MILITANTE: unha explicación dos acontecementos e, con ela, a inspiración e o ánimo políticos para resistir na batalla contra o capitalismo. Eu animo a toda persoa que estea de acordo coas ideas que defende este xornal, sexa home ou muller, mozo ou vello, obreiro ou estudante, nativo ou estranxeiro, a que se una a EL MILITANTE e contribúa á tarefa de acabar o máis axiña posible con este sistema, que converteu a existencia da inmensa maioría da humanidade nun pesadelo cotiá e que incluso empeza a ser unha ameaza para a vida no planeta. Creo que hoxe están máis vixentes ca nunca as palabras de Rosa Luxemburgo: socialismo ou barbarie. O resultado depende de todos nós